Tabiba, por Armando Requeixo. Anatomía do odio

ANATOMÍA DO ODIO

Tempos Novos  313, xuño 25.

(T) Armando Requeixo

A traxectoria como comunicadora e escritora de María Xosé Porteiro é ben coñecida por todas aquelas persoas que se desenvolven nos círculos culturais do país: xornalista de longa andaina, muller tamén comprometida no espazo político, a ela debemos, amais de valiosas achegas a figuras como Álvaro Cunqueiro ou Celso Emilio Ferreiro, títulos de mérito como as novelas Covardes (2001) ou Sándalo (2019).

Pois ben, a estas obras súmase agora Tabiba, unha polinovela moderna. Unha novela de novelas que atesoura o mellor de diversas fórmulas narrativas en prol dunha reflexión aberta sobre a anatomía do odio, un profundar nas razóns ocultas e esquivas que poden axudar a entender como os seres humanos aniñamos ese escuro sentimento e chegamos a, no seu nome, cometer verdadeiras atrocidades.

Quen se achegue a estas páxinas comprobará pronto que arrincan ao modo dun thriller do máis clásico estilo, cun relato no que hai dúas mortes nas primeiras liñas e no que se abre a incógnita pr desvelar cal é o asasino e, sobre todo, o por que deses homicidios. Mais aínda, quen se fai esas preguntas é, xustamente, un axente dos servizos de intelixencia brotán icos, o que confirma a plausible lectura como novela negra destas páxinas.

Agora ben, Tabiba non é unha narración ao uso, e, polo mesmo, non se esgota nesta proposta como thriller. Ábrese tamén á súa comprensión como novela amorosa, pois ben apaixonada é a historia que protagonizan Serge e Einés, dous dos seus personaxes principais, unha relación na que, en aras do amor, acaba por xustificarse unha deriva violentísima que sól pola cegueira dos afectos pode chegar a explicarse.

Doutra parte, o relato é tamén unha novela de iniciación ou transformación, pois o   personaxe de Dihya, ben central, sofre unha metamorfose que a leva de ser a filla animosa pero contida dunha senlleira familia bérber á líder da Cabilia irredenta, con todas as crisálidas que de camiño van sucedéndose.

Do mesmo xeito, Tabiba é unha novela oriental ou orientalizante, que en non poucos treitos rende homenaxe a clásicos como As mil e unha noites, citadas expresamente, ou mesmo a outros relatos fílmico-literarios como, poño por caso, Lawrence de Arabia.

Neste mesmo sentido, tamén pode interpretarse como unha novela sociopolítica, pois a loita pola nación cabilia centra boa parte do sentido da trama, na que a independencia do Magreb é cuestión fulcral. E, polo mesmo, falar de Tabiba como novela histórica, da historia recente, é tamén acaído, xa que a acción transcorre entre 1998 e 2017 e ten como ancoraxe o proceso de descoloniazación norteafricano, a radicalización yihadista destes territorios e todo o ronsel de atentados (nas Torres Xemelgas en Nova York, ou no metro de Madrid e, sobre todo, nas Ramblas en Barcelona) ao que, andando o tempo, deu lugar.

Como se ve, son múltiples as lecturas posibles deste libro. E aínda cabería amentar outras. Velaí, por exemplo, a súa consideración como novela psicolóxica ou de personaxes, pois nela a paixón, as paixóns, móveno todo, condicionan a acción, e a prospección no interior dos personaxes, no eu máis íntimo, ofrécese como unha espiña dorsal que todo o sostén: o odio, o rancor, a vinganza, mais tamén o amor, a solidariedade, a xustiza.

Por descontado, podería falarse de Tabiba como novela ética (pola sempiterna loita do Ben e do Mal, a aposta pola liberdade individual e colectiva ou a visión problemática do destino e do libre albedrío) e, sobre todo, como unha novela de valores feministas, non só polo protagónico de moitas das personaxes (as irmás Airat, Sekkura, Lalla, Tabiba) vistas decote positivamente fronte aos homes desta historia, abondo cuestionables, senón tamén porque se trata de mulleres empoderadas, entre as que mesmo hai comunidades matrilineais que teñen como espello as amazonas míticas.

Historia que aposta polo encontro das civilizacións europea e norteafricana, que se move en escenarios tan complementarios como a Cabilia, Cataluña, Reino Unido ou as Alpuxarras, esta Tabiba de María Xosé Porteiro é un poliedro de voces e personaxes que nos mergulla de cheo nun relato intenso, vibrante e apaixonado que non pode deixar de lerse.

TABIBA

María Xosé Porteiro

Elvira Editorial

Vigo, 2023

Número de páxinas, 144

Deja un comentario

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close