Queizán, amazona (Vivir a galope, EE. Xerais, 2018)

 

https://luzes.gal/2019/01/04/6479/opinion/maria-x-porteiro/queizan-amazona/?fbclid=IwAR2gam4YfbdI5atejBTaJNOWgLF2e3NIXXNEOhG9kud1JaS5rvS4p1DTuMs

Revista Luzes. Opinión. Quinto Elemento

Queizán, amazona

Veño de ler as memorias de María Xosé Queizán, Vivir a galope, que editou Xerais. Ao principio sentíame como unha voyeur. Ao remate, sinto que viaxei da súa man pola historia de Vigo, de Galicia, de Europa e do mundo mundial, e, tamén, como non, pola súa propia historia vital. A súa relación marital é unha parte pequena, en relación coa importancia que os díxome-díxome lle querían dar, procurando, máis unha vez, que a protagonista da súa propia vida e obra, non fose ela. Laméntoo por quen se podía sentir –prematuramente– afectado  por aquilo da fidelidade amistosa ou do lobbi masculino. Non vou dicir que é anecdótico, porque os divorcios non adoitan selo, mais aconsello non quedar aí.
Achego algúns comentarios máis sobre os varios relatos que transcorren en paralelo no decurso de más de 700 páxinas. A orde non indica prioridade, é aleatoria.
  • O propiamente biográfico, cronolóxico, con contextos moi acaídos e boa descripción das persoas e situacións que marcan as súas lembranzas.
  • O reflexivo, diría que case filosófico, que agroma inesperadamente en momentos que levan a autora a compartir emocións, descubertas, sabiduría, propias de quen mira cara atrás con curiosidade e capacidade de tirar conclusións intelixentes.
  • O histórico, onde aparece un Vigo, agochado para quen non vivimos aquí a posguerra, sorprendente e imprescindible. E tamén comparte a súa ollada sobre outros lugares da España ferida que puido coñecer desde que era ben cativa. Ou sobre a Galicia da que nunca quixo fuxir, que queda retratada sen filtros.
  • O cosmopolita, co paso avant-garde da autora polos lugares onde se marcaba estilo e cambio de era, cando as mulleres daquí non adoitaban sair ao extranxeiro.
  • O libro de viaxes, onde podemos colocarnos na súa pel e ir descubrindo lugares insólitos, porque o seu pasaporte merecería unha performance ou unha tese doutoral.
  • O amor e a sexualidade, como achádegos e como camiño para a comprensión da propia vida e do mundo.
  • O político, onde o feminismo se amosa tal e como é: unha toma de posición revolucionaria. O novo humanismo.
  • O literario no que unha escritora de raza ocupa o lugar que lle corresponde, e denuncia a inxustiza e a cegueira con que varias xeracións de «colegas» quixeron apagar calquera foco que puidese alumear a súa obra. Disfruta e recrea, tamén, os por ques das novelas e ensaios que marcan a súa carreira.
  • O cultural, en sentido amplo, onde tivo a ver con todas as actividades que marcaron fitos no avanzo socializador e mobilizador da acción cultural.
Esta obra ben merece ser traducida e exportada. Espero que Xerais así o vexa e o procure. E reclamo a Real Academia Galega, que, dunha vez, convide a María Xosé Queizán a ocupar unha cadeira para a que atesoura méritos que darían para dez ou doce. Non sei se para sentar nela ou para rexeitala, iso é o de menos. O importante é rachar coa estupidez de querer tapar o sol cun dedo. Polo ben da Academia o digo. A ela, a vida xa lle puxo as maiores medallas.
Parabéns para a autora e para a editorial. Nas posteriores edicións seguramente serán corrixidos mínimos erros temporais ou referencias sen importancia que terei moito gusto en compartir coa autora.

María Xosé Queizán: amazona (Vivir a galope. EE.XX. 2018)

Veño de ler as memorias de María Xosé Queizán, Vivir a galope, que editou Xerais.
Ao principio sentíame como unha voyeur. Ao remate, sinto que viaxei da súa man pola Historia de Vigo, de Galicia, de Europa e do mundo mundial, e, tamén, como non, pola súa propia historia vital. A súa relación marital é unha parte pequena -en relación coa importancia que os díxome-díxome lle querían dar- procurando, máis unha vez, que a protagonista da súa propia vida e obra, non fose ela. Laméntoo por quen se podía sentir -prematuramente- afectado  por aquilo da fidelidade amistosa ou do lobbi masculino. Non vou dicir que é anecdótico, porque os divorcios non adoitan selo, pero, aconsello que non vos quededes aí.
Algúns comentarios máis.
Hai varios relatos que transcorren en paralelo no decurso de más de 700 páxinas. 
– O propiamente biográfico, cronolóxico, con contextos moi acaídos e boa descripción das persoas e situacións que marcan as súas lembranzas.
– O reflexivo, diría que case filosófico, que agroma inesperadamente en momentos que levan a autora a compartir emocións, descubertas, sabiduría, propias de quen mira cara atrás con curiosidade e capacidade de tirar conclusións intelixentes.
– O histórico, onde aparece un Vigo, agochado para quen non vivimos aquí a posguerra, sorprendente e imprescindible. E tamén comparte a súa ollada sobre outros lugares da España ferida que puido coñecer desde que era ben cativa. E sobre a Galicia da que nunca quixo fuxir, que queda retratada sen filtros.
– O cosmopolita, co paso da autora polos lugares onde se marcaba estilo e cambio de era, cando as mulleres da súa xeneración non adoitaban sair ao extranxeiro.
– O libro de viaxes, onde podemos colocarnos na súa pel e ir descubrindo lugares insólitos, porque o seu pasaporte merecería unha performance.
– O amor e a sexualidade, como achádegos e como camiño para a comprensión da propia vida e do mundo.
– O político, onde o feminismo se amosa tal e como é: unha toma de posición revolucionaria. O novo humanismo.
– O literario, no que unha escritora de raza, colócase no lugar que lle corresponde, e denuncia a inxustiza e a cegueira con que varias xeracións de “colegas” quixeron apagar calquera foco que puidese alumear a súa obra, e recrea os por ques das novelas e ensaios que marcan a súa carreira.
– O cultural, en sentido amplo, onde tivo a ver con todas as actividades que marcan fitos no avanzo socializador e mobilizador da acción cultural.
Esta obra ben merece ser traducida e exportada. Espero que Xerais así o vexa e o procure. E reclamo a Real Academia Galega, que, dunha vez, convide a María Xosé Queizán a ocupar unha cadeira para a que atesoura méritos que darían para dez ou doce. Non sei se para sentar nela ou para rexeitala, iso é o de menos. O importante é rachar coa estupidez de querer tapar o sol cun dedo. Polo ben da Academia o digo. A ela, a vida xa lle puxo as maiores medallas.
Parabéns para a autora e para a editorial. Nas posteriores edicións seguramente serán corrixidos mínimos erros temporais ou referencias sen importancia que terei moito gusto en compartir coa autora.

Entrevista a María Xosé Queizán en Tempos Novos

http://temposdixital.com/td/sociedade/03/entrevista-maria-xose-queizan/

file:///C:/Users/Admin/Downloads/Entrevista_Queizan.pdf

MARIA XOSÉ QUEIZÁN, INTELECTUAL EN TODAS AS ORDES. FEMINISTA. POLÍGRAFA.

Tempos Novos. Marzo, 2018. María Xosé Porteiro.

Se fose preciso argumentar que hai unha discriminación patente contra as mulleres, chegaría con percorrer a biografía dunha das máis grandes que ten dado Galiza, María Xosé Queizán: novelista, ensaísta, profesora, lingüista, poeta, dramaturga, articulista, actriz, editora, conferenciante… A súa obra publicada é inxente. Só o feito de ter concibido e realizado a revista A festa da palabra silenciada, tería un lugar de honra en calquera cultura normalizada. Foi obxecto de algunhas homenaxes e é unha das poucas persoas gasalladas en vida cun parque que leva o seu nome, no seu querido Vigo. Pero, sorprendentemente, a súa talla -tanto na cantidade como na cualidade do seu traballo- non a fixo merecente, ata o de agora, dunha cadeira na Real Academia Galega. E o máis curioso é que semellante baleiro non xenera escándalo nunha sociedade durmida e pouco sensible a recoñecer traxectorias que foron molestas para as estructuras patriarcais asentadas e vixentes.

María Xosé Queizán é unha intelectual plena. O adxectivo que mellor lle acáe, pero ninguén lle adica, é o de polígrafa. A súa ollada segue activa, reflexiva, sen pelos na lingua, como deixa ver nesta conversa que mantivemos arredor dun café. Esta é a terceira entrevista que lle fago. A primeira foi por encargo de Luis Alvarez Pousa, en marzo de 1982, onde xa tiña unha posición de avangarda feminista totalmente vixente. En 1995 volvín falar con ela cando estaba a dar un xiro importante na súa vida. Agora, desde a serenidade e a perspectiva que da o paso do tempo, volvo a atoparme cun ser humano profundo, divertido, inxenuo ás veces, provocador e admirable.

Que opinas da campaña Me Too e a mobilización deste próximo 8 de marzo?

O abuso das mulleres é tan antigo como o mundo. Os homes que tiveron poder abusaron. Temos datos e evidencia dos industriais vigueses e os das conservas. Aquelas mulleres non podían facer público o abuso que padecían. Agora compre acceder ao Me Too do incesto. É moito máis numeroso do que se pensa. Pero aínda as mulleres non están en situación de denunciar ao propio pai. Esperemos que non tarde moito. É necesario.

No canto á folga, non interesa que se cuantifique o aporte que fai o traballo privado das mulleres; mesmo así, no CSIC dise que un 56% do PIB é producido nese sistema, é máis que o industrial. Son os servizos que prestan estas mulleres machucadas os que mateñen todo o Estado, pero unha ama de casa alucina se lle dis que sostén a sanidade ou a educación. No mundo laboral gañamos menos polo mesmo traballo, temos os peores traballos, estamos condenadas mentalmente a elixir un tipo de estudios, carreiras ou oficios que son os menos valorados, e se as rapazas elixiran os oficios de formación profesional que elixen os homes serían mellor remunerados.

Mália todo isto, creo que a folga non vai dar resultado porque a maioría dos sindicatos non a convocan. É moi difícil facer unha folga sen iso. Venme a memoria a noticia daquela folga histórica que fixeron mulleres galegas que traballaban na industria conserveira nos anos 20 e mobilizaron a toda Galicia. Protestaban porque pagaban unha parte do seu salario para ter un seguro por parto pero era moito e como só traballaban unha parte do ano, era ominoso. Rebeláronse, os sindicatos non lles fixeron caso, pero aquela si chegou a ser unha folga xeral e conseguiron que se suspendera a cláusula contractual.

Como chegaches ao feminismo?

Cando escribín ensaio sobre Feminismos non tiña demasiados libros lidos e os que tiña non me servían. A bibliografía dos meus primeiros ensaios non eran libros de mulleres: se acaso Habbermas ou Frantz Fanon e as súas reflexións sobre a negritude axudáronme a comprender o feminismo. Por aí cheguei a conclusión de que a base da discriminación está no poder e nel, en definitiva, reside toda a inxustiza.

A análise do poder dos brancos sobre os negros, ou dos nobres no Antigo Réxime, levoume a pensar que a opresión das mulleres é algo metido no pensamento, na conciencia, dunha maneira moito máis profunda. A misoxinia foi a primeira e máxima desigualdade desde que temos noticia histórica, e non conseguimos librarnos dela. A clave está no sexo. Un home negro é superior á unha muller branca porque pode follala e empreñala.

20180629_105424.jpg

Tes analizado abondo as relacións entre ambos os sexos…

O matrimonio establécese mediante un contrato privado, sen garantías de ningún tipo, mentres que o contrato social de Rousseau foi algo moi avanzado e revolucionario: por el se rixe o traballo que cómpre facer, cantas horas e o salario que se vai percibir. Iso non sucede no privado, no contrato matrimonial non se especifica cantos fillos debe ter a muller, nin canto debe traballar, pero si que hai a idea do dominio sobre ese ser, de xeito que as mortes prodúcense cando as mulleres queren escapar dese mundo ou queren divorciarse.

“Se me repuxo”, di o home, “e antes de toleralo machuqueille a cabeza”. Aí está esa idea de que é o dono, ten unha muller e non tolera fácilmente que se lle repoñan. Por iso sucede en todas as clases sociais. As palabras revelan a coincidencia na súa orixe: padre, patrón, patrimonio, patriarcado. O único que regula legalmente o matrimonio é o patrimonio.

Que pasa coa violencia machista?

As mulleres non nos matan no Corte Inglés, nin no super, nin nos parques infantís. A nós mátannos na casa. Antes se santiguaban as señoras cristianas ao sair da casa, agora deberían facelo ao entrar porque dentro de casa é onde está o auténtico perigo. Esa é a realidade. Ahí non hai leis nin normas. Non hai policía, nin control, agás o do pai de familia.

Nas nosas sociedades hai dous sistemas: o público e o privado. O privado é onde non hai leis, non está regulado, consiste nun fogar onde un home manda, ten o prestixio, é a figura de autoridade, e hai unha muller que pare, cría, e coida facendo todos os traballos domésticos -que son moitos-. Mentres, no mundo público é onde se desenvolve a realidade, onde se decretan as leis, a Constitución, onde se dí o que está ben ou non. Hai un control, a policía, a Guarda civil, o exército, onde se determina a lingua que se fala e se estuda, a educación, a medicina. A realidade está toda no mundo público. Se agora nos din que a delincuencia é menor, é referido a ese ámbito. E se eu vou pola rúa non teño medo a facelo porque non é habitual que maten as mulleres pola rúa…

A violencia sobre a muller, agudizouse. Non sei se o feito de que algúns privilexios masculinos podan desaparecer fai que se incremente por reacción, sería bonito pensar iso, pero o teño reconsiderado nalgunha ocasión e penso que a ollada feminista é importante pero non crucial para rematar coa violencia. O home segue a ser unha fascinación para moitas mulleres que precisan dun ao lado, mantendo este precepto cutural do tul ilusión, un casamento ou unha unión semellante, e se meten nun pozo sen garantías ningunhas mália teren vivido con pais violentos e en fogares perigosos… Como cambiar isto? As feministas non me fan caso, pero teño confianza no impacto dos avanzos científicos que liberarán as mulleres da procreación. As criaturas poderán vir ao mundo sen seren paridas por nós, animais mamíferas. No meu libro Antinatura falo disto.

En que se fundamenta o poder masculino?

As veces penso que é por mor da testosterona. O sexo e o poder están no mesmo punto do cerebro. Todo radica na dominación dun sexo sobre o outro. O pracer de dominio sobre outro ser humano é o que manten a prostitución. O dominio radica no sexo. Apuntóuno Simone de Beauvoir e desenvolveuno Kate Millet, e algunhas feministas de mediados do século pasado que nos influiron moito. Logo o feminismo cambiou e aí está a clave do fracaso deste movemento político arredor dos anos 90. Entraron moitas mulleres progres, de partido, e se centraron na libertade sexual entendida como libertade de follar para beneficio dos homes. Desde aquela pasouse de pensar que unha muller tiña como valor a virxinidade a dicir que produce cancro. Velaí unha trampa que mudou a relación do feminismo co sexo. En moi pouco tempo o sexo se fixo moito máis violento.

Cara a onde imos?

No aspecto xeral temos que ver como a Humanidade avanzou extraordinariamente desde que coñecemos a historia, apareceron a filosofía, a poesía, tanta sabedoría, a ilustración, o avanzo da ciencia, o universo está aberto, temos uns coñecementos extensísimos sobre o mundo… pero eses seres humans extraordinarios seguen follando como simios. E iso para min é incomprensible, creo que mentres iso sega así non hai ningunha posibilidade de igualdade para as mulleres.

No meu libro, Antinatura, defendín a idea de que mentres sigamos a ser natureza e o home xa non, hai unha infravaloración. Con iso dise todo: a cultura foi o dominio sobre a natureza e iso é o políticamente correcto. Dicir patriarcado é como dicir antigo réxime, un momento histórico que aínda non foi superado. Eu non acredito niso. O que creo é na evolución darwinista que está a piques de rematar cunha continuación da animalidade que deixou de ser animal en moitos aspectos menos nese.

Na ciencia, a humanidade real, a humanidade completa chegará cando as mulleres sexamos de verdade humanas e esa será a posibillidade da desaparición da desigualde: que deixaremos de ser as paridoras. Daquela, o follar vaise acabar. O sexo terá a función do pracer, un eido no que as mulleres somos superiores porque o noso órgano de pracer non é preciso para a reproducción. Precisamente por iso en occidente se corta o clítoris sicoloxicamente.

Nese futuro do que eu falo non haberá homes nin mulleres, haberá creacións, no procreacións, pode que haxa diferentes… Os nenos faránse nos laboratorios. Maternidade e paternidade son unha construcción social.

Cal é a relación entre lesbianismo e feminismo?

Lesbianismo e feminismo teñen bastante que ver porque non é só atracción sexual entre mulleres, que tamén, senón a autonomía dunha muller desde o punto de vista sexual. E pode haber mulleres que nunca o fixeron e son lesbianas, son mulleres máis poderosas. Noutros tempos metíanse nun convento porque non querían pasar polo coidado dun home, de ter fillos, expoñerse a morrer por parir, e tamén como único xeito de acceder ao coñecemento.

Está moi relacionado coa libertade, coa independencia, coa autonomía e a responsabilidade sexual. O feminismo radical é un feminismo lésbico, é o que pecha o círculo do poder das mulleres e para as mulleres. As feministas máis relevantes foron lesbianas, e por algo será. Ainda na actualidade unha muller casada está pendiente do tempo, non ten a mesma libertade que ten unha muller soa. A liberdade é ser dona de si mesma, sen complementos. Cada vez hai mais mulleres que viven soas, porque elixen. A parella sempre é un estorbo, unha cesión de soberanía.

O feminismo precisa de acción política?

Eu non creo na política de partidos, de nomes, en permanente dicotomía maniquea. Creo na xustiza, na igualdade, nos valores ilustrados, na solidariedade humana. Aquilo que dixo Brecht: quixemos ser tolerantes e non adquirimos a tolerancia, vós, no futuro cando consigades a solidariedade humana -non fala de Marx nin de comunismo-, mirádenos con compaixón. Creo na felicidade. O feminismo non está moi relacionado cos partidos, se acaso, como dixo Rosa Luxemburgo, co socialismo. O feminismo estivo moi en contra do poder tamén do punto de vista organizativo. Xa non son asamblearia, non creo que sirva para a consecución política. Ten que haber unha organización, tomar decisións, haber dirixentes, un sistema non férreo nin despótico, pero si onde haxa mando e responsabilización.

Moitas pensamos que non tes acadado o recoñecemento que merece o teu traballo.

Si, son unha escritora proscrita. Estou fora de xogo. Salvo ao mundo editorial porque sempre tiven editores, agora en Xerais, e noutro tempo en todas as editoriais de Galicia, e todas están abertas. Non teño problema para editar pero si na promoción e comercialización. Non se fala máis alá do café, nin nos medios de comunicación. Síntome secuestrada porque non me sei vender, nin teño por que saber. Sei escribir, e iso é o que me apetece, non vou andar por despachos promocionándome, falando cunhas e con outras. Deberan ser os editores xa que aquí non temos a figura das axentes literarias.

Unha das cousas máis frustrantes é que cando sae un libro e penso que vai ter unha repercusión en determinados aspectos, supón unha desilusión, pero logo dun pao ao día seguinte xa estou pensando o que vou dicir. Non me estimula, entristéceme. Por exemplo, pasoume con Recuperemos as mans onde comparo ao marxismo co feminismo Daquela , nos anos 80, todos eran marxistas que non lían. Ninguén dixo nada. Pasoume cos libros de pensamento, as novelas, e todo o demais. O meu segundo poemario foi o primeiro lésbico de Galicia, e tal vez de España, no 93, Despertar das amantes. Ese non pasou desapercibido pero, de calquera modo, tampouco tivo o eco trascendente preciso, porque iso vai en función de que non me publiquen en castellano. E si que me interesaría publicar pero alguén non quere que se saiba que son boa.

Destacados:

“Agora compre acceder ao Me Too do incesto. É moito máis numeroso do que se pensa.”

“A base da discriminación está no poder e nel, en definitiva, reside toda a inxustiza.”

“A misoxinia foi a primeira e máxima desigualdade desde que temos noticia histórica, e non conseguimos librarnos dela. A clave está no sexo. Un home negro é superior á unha muller branca porque pode follala e empreñala.”

“As mulleres non nos matan no Corte Inglés, nin no super, nin nos parques infantís. A nós mátannos na casa.”

“O único que regula legalmente o matrimonio é o patrimonio.”

“Penso que a ollada feminista é importante pero non crucial para rematar coa violencia.”

“O sexo e o poder están no mesmo punto do cerebro. Todo radica na dominación dun sexo sobre o outro.”

“O pracer de dominio sobre outro ser humano é o que manten a prostitución.”

“Dicir patriarcado é como dicir antigo réxime, un momento histórico que aínda non foi superado.”

“Maternidade e paternidade son unha construcción social”.

“Na ciencia, a humanidade completa chegará cando as mulleres deixemos de ser as paridoras. Daquela, o follar vaise acabar.”

“O sexo terá a función do pracer, un eido no que as mulleres somos superiores porque o noso órgano de pracer non é preciso para a reproducción.”

“O feminismo radical é un feminismo lésbico, é o que pecha o círculo do poder das mulleres e para as mulleres. As feministas máis relevantes foron lesbianas, e por algo será.”

“Si, son unha escritora proscrita”.