Tabiba. Crítica de Ferradura en tránsito. X.M.Eyré

Crítica de TABIBA, de María Xosé Porteiro. X. M. Eyré

XUÑO 18, 2023 ~ XMEYRE

ABRIR OS OLLOS

Título: Tabiba

Autora: María Xosé Porteiro

Editorial: Elvira

Cadaquén ten as súas predileccións lectoras. Hai quen só quere pasar o tempo, pois que o pasen ben. Particularmente, a min, son as lecturas que me fan abrir os ollos as que máis valoro. Mellor ou peor escritas, teñen o poder de facernos reflexionar e entender o mundo, que, de por si, xa é complexo e complicado.

Deste xeito é a Tabiba de María Xosé Porteiro.

Para atraer a súa atención direilles que un dos principais focos temáticos son os atentados en Barcelona e Cambrils. Lembran? Non vou ser eu quen diga que a autora ofrece novos puntos dista a fin de explicar aqueles dous actos terroristas, ese sería un titular xornalístico e aquí falamos de literatura.

O que si lles podo dicir, e debo, é que autora coñece ben a realidade do pobo berber, da Cabilia do norte africano. Os bérberes da Cabilia son un pobo que loita por non desaparecer, para iso teñen como principal signo identitario a súa lingua, o amazigh neste caso porque as linguas bérberes son máis.

Xa co dito abonda para podermos efectuar unha lectura paralela, pois os problemas dos amazigh son en moitos casos parecidos aos que temos @s galeg@s. Esa é unha posibilidade lectora que sempre estará aí para que quen lé compare, contraste e tire conclusións se é o caso.

Porén, a novela é, en palabras de Alberto Avendaño, prologuista, pequena e grande.

Pequena porque non ten moita paxinación (138 páxinas) e grande porque toca temas da máxima actualidade, hoxe ou dentro de 50 anos.

A novela ilustra sobre os atentados terroristas de Barcelona e Cambrils, certamente, mais tamén se mergulla no máis fondo da alma humana para tratar de explicar como unha persoa, Serge, neste caso, pode chegar a abrazar, como única solución vital, a fe daqueles que na Cabilia eran os seus inimigos.

A vida pode ser tan retorta como para facer a alguén chegar a eses extremos.

Concretamente, a min, o que menos me prace do discurso de María Xosé Porteiro é que sexa tan pequena, que o recurso do resumo teña tanto protagonismo. Tamén será por iso que a lectura de Tabiba me soubo a pouco, cando pasei a última folla eu quería seguir lendo.

Como coadxuvante para entendermos a vida de Serge, velaí temos a de Einés, orixinaria da Galiza, ex-amante de Arial Hopkins e finalmente convertida na comapañeira de vida de Serge, totalmente dependente de Serge. Como chegou a iso? As paixóns son algo incontrolábel que, sexa na política ou na vida social, é quen de levarnos dun extremo a outro.

María Xosé Porteiro fainos abalar dun extremo ao contrario, conmociónanos. Mentres lemos non é o mellor momento para facernos demasiadas preguntas, mais nos descansos entre sesión e sesión, estas chegarán, e, por suposto, cando rematemos a novela. Cadaquén que a lea terá respostas para unhas ou para outras, para todas xa é outro cantar. Mais é tan importante facerse as preguntas como respondelas.

As tabibas son mulleres sabias, aquí chamóuselles meigas. Mulleres sabias dunha importancia transcendental para a comunidade da Cabilia, @s cabil@s, os seus saberes resultan fundamentais para manter a memoria comunal da Cabilia: alí, no Alto Atlas, ou en calquera outro asentamento poboado por xente de fala amazigh.

Porque esta tamén é unha novela cun alto contido que reivindica a importancia das mulleres, tanto no decurso do enredo novelístico como na vida real. Como na vida real que, por moitos saberes que posúan, hai algo que non poden evitar: a dolor. Nin na Cabilia nin noutros asentamentos, fóra da patria da súa lingua como, por sinal, no Val da Alegría granadino.

Esta é unha novela de resistencia e tamén de entrega. Resulta difícil maior entrega que a de dar a vida por unha causa política, pola causa xihadista, en principio inimiga do seu pobo. Nin tampouco hai maior entrega que a de sacrificar a propia vida na dependencia total da persoa amada, aínda que este se convirta nun terrorista como Serge. Nin hai maior dolor que a de ver como os fillos toman camiños errados.

Abrir os ollos para entender o mundo en galego.

Aado.: Xosé M: Eyré

(membro de Asociación Galega da Crítica)

Deja un comentario

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close