Tereixa Navaza. O seu nobelo, no Fío de Penélope co Consello da Cultura Galega.

O Consello da Cultura Galega está a desenvolver unha actividade que permite visitar os seus fondos para construir un percorrido vinculado a algunha temática de interese. As xornadas de homenaxe a mulleres pioneiras en Galicia que ven organizando a Comisión de Igualdade están a ser o eixo arredor dos que se seguen os nobelos de cadansúa protagonista.

Neste caso, eu fago de guía polo nobelo de Tereixa Navala que nos conduce ao mundo da comunicación e o feminismo en Galicia.

Entrade no link seguinte e teredes acceso aos documentos audiovisuais que vos presentamos:

http://consellodacultura.gal/especiais/o-fio-de-penelope/detalle.php?c=6546&fbclid=IwAR2mjuetZaBKdXn9skZVrXwQAzySZhHEgrCwDRsNRAS6LgmgRGkfYERv6Zk

 

#SÁNDALO, Serendipia ou azar.

424055_4333889593355_10914606_n.jpg

Trouxen de Cuba moitos recordos e poucos obxectos que foron ficando na miña imaxinación coma chaves que abrían as portas e tendían pontes para chegar a comprender o corazón partido que caracteriza a quen emigraron desde mediados do século XIX, a terras americanas, das que a gran maioría nunca regresou, incorporándose a unha cidadanía diferente. Ese corazón partido converteuse, pasado o tempo, nun corazón multiplicado porque floreceu a mestizaxe, o intercambio intenso e frutífero que as galegas e galegos conseguiron cos pobos onde foron na procura de futuro e ficaron para se confundir coa paisaxe a paisanaxe.

Os recordos deron pé a unha novela que rematei de escribir hai, exactamente, un ano. Chámase Sándalo e nela acudo á ficción para contar feitos reais, na meirande parte dos casos, e ficcionar outros á miña conveniencia para enfiar os moitos puntos de encontro que eu  vexo entre as miñas dúas patrias: Cuba e Galicia.

 

77266278_10215968901043297_8324396366319058944_o.jpg

Quen queira saber deses recordos, sempre pode ler a novela se ten a paciencia e o tempo preciso, ou pode convidarme a unha tarde de café e conversa, onde irán saíndo nun desordenado desorde, semellante ao que traza o relato narrado. Daquela, deixo os recordos para a literatura e aproveitarei este foro para formular unha absurda hipótese que se basea na azarosa casualidade que se troca en causalidade cando a describo coa memoria deformante da que falaba Cunqueiro, contemporáneo de Carpentier e afeccionado, coma él, a ver marabillas na realidade ou a convertelas de xeito forzoso en algo máis semellante a ilusión que a verdade.

Quero falarlles, amigas e amigos, da chiripa. Esa palabra cubana que resulta filla da Serendipia, ou o que é o mesmo, achados ou descubrimentos afortunados e inesperados; as veces accidentes, casualidades e coincidencias. Chiripa e Serendipia son palabras máxicas que nos permiten entrar no mundo das experiencias inesperadas, e tal vez, desexadas. Precisamente, aquelas situacións inesperadas que poden facer que a nosa vida cambie de súpeto e por completo. Ou aqueles pensamentos que simultaneamente asaltan a investigadores que procuran un descubrimento científico, ou relatos de ficción que se lles ocorren por igual a autores residentes nas antípodas… ou esa chegada casual que agora podemos ter a algo que non buscábamos, pero que nos resultou de inmensa fortuna, navegando por internet. O inesperado é o que cambia a vida, xa se dixo.  O dicionario da RAE acolleu o termo serendipia na súa 23 edición e o define como achado valioso que acontece de xeito accidental ou casual.

Eu trouxen de Cuba moi poucos obxectos, como xa dixen, pero non lles din o valor de serendipia que tiñan até esta altura da miña vida, cando sentín que era chegado o tempo de ordenar a miña memoria remota para non resultar unha vella perdida nunha infancia que non procurara recuperar. A medida que envellecemos volvemos máis a nenez e queremos recuperar recendos, sensacións, imaxes e experiencias que configuraron a nosa personalidade nas etapas máis cedas da nosa vida. Con este punto de partida naceu a idea de escribir Sándalo. Foi nunha tarde de primavera, regresando da miña estadía en Arxentina onde vivín entre 2007 e 2009. Ao entrar na miña casa de Vigo recoñecín no andel dunha libraría, unha caixiña de cor negra e tallada delicadamente, de madeira de Sándalo, que viñera nas miñas maletas. Funme canda ela, abrina, e o recendo da madeira da árbore sagrada, encheume a pituitaria, chegou ao hipotálamo e segregou un mandato do que non puiden fuxir até que o cumprín. En Arxentina vivín unha experiencia inesquecible de comuñón e comprensión das historias da emigración. Alí entendín que eu era unha deles. Que a miña historia persoal era o capítulo dunha historia colectiva e que nunca reparara niso. Foi escoitando a tantas mulleres e homes o relato da perda dunha parte da súa vida ou da dos seus antepasados, que a miña se me fixo evidente, e cando aquela etapa rematou, a caixa de sándalo avisoume de que xa podía mirar cara atrás sen medo a traumas ou sufrimento, pois que non estaba soa.

 

75349000_10215968894963145_5716123922152292352_o.jpg

O curioso é que nese ano de 2009 fixen un guión do que pensaba que debía escribir: a historia dunha saga familiar de emigrantes e a súa coincidencia con tempos históricos relevantes para a miña maneira de entender a Historia con maiúsculas de quen tivemos algunha vez o corazón partido por termos dúas patrias. Os papeis nos que se debuxaban as personaxes e os tempos perdéronse nunha nova mudanza que tiven de facer a Madrid, e moitas veces tentei atopalos sen éxito. Unha casualidade quixo que os atopase noutro lugar máxico: O outro obxecto prezado que viñera comigo desde Cuba, unha edición de La Edad de Oro, de José Martí, encadernada amorosamente con fermosas ilustracións, que tiña na primeira páxina o seguinte texto: O meu nome, e debaixo, Primeiro premio do concurso de composición. Curso 1961/62. Instituto Reinel Páez. La Habana. Cuba.

Deixara as notas dentro dunha obra que marcou a miña formación de xeito indeleble e que andei a buscar, até atopala, agachada nunha morea de libros de temática cubana que vou coleccionando desde hai anos. O curioso é que o buscaba porque en outubro de  2019 se fan 130 anos da súa aparición. Naquel intre, movíame o interese en revisar a publicación da precursora revista infanto-xuvenil, por ver de facer unha reedición comentada e traducida con tal motivo. O azar quixo levarme por un carreiro diferente para chegar ao mesmo destino. Escribir sobre a relación profunda que teño con Cuba. O proxecto de La Edad de Oro está en marcha, xa o veremos culminado o ano próximo, e polo medio, cousas veredes, o arrecendo do Sándalo e a maxia dun libro con follas que se desfán coma fariña polo paso dos anos, disparou unha escrita que foi, sobre todo terapéutica. Para que non me quedasen dúbidas da conspiración que se cernía sobre min, ese mesmo ano coincidín sentada a carón dun meu querido amigo, Anxo Tarrío, recuperado dunha seria doenza, con quen lembramos un consello que me dera ao pouco de nos coñecer, sendo uns mozos e formabamos parte da equipa que creou os Premios da Crítica en 1978. Eu falaba tanto de Cuba, daquela, que me retou a escribir a miña experiencia como nena emigrante, e o recordamos mentres compartíamos o xantar. Iso foi en novembro de 2017. A novela foi entregada en novembro de 2018. E en novembro de 2019 estamos aquí, falando disto, así coma quen non quere a cousa, por casualidade. Ou porque si. Porque ten que ser.

 

73515751_10215968900363280_7894450447564406784_o.jpg

Daquela, coa vosa licenza, vou compartir algúns recordos tamén que non forman parte da novela e que marcan coincidencias ben simpáticas, ou cando menos, curiosas.

Sendo eu unha meniña de cinco anos, comecei ir a escola. Miña nai xa me aprendera a ler e facer garabatos que querían ser letras, pero a primeira vez que pisei unha aula, quedoume gravada para sempre. Foi no Colexio Instituto América Arias que estaba situado na Calzada del Cerro, nunha zona da Habana que durante o século XIX e primeiras décadas do XX aloxou a moitos inmigrantes de orixe galega. A persoa que lle daba nome ao Instituto, América Arias, fora unha enfermeira que pasou a historia como patriota por participar nas guerras de independencia, onde chegou a acadar o grao de capitana do Exército Libertador. Nacera en Sancti Spíritus mediado o século XIX e finou en- La Habana en 1935. Casou cun combatente que chegaría a Comandante loitando contra o exército español. Ela destacou como confidente dos mambises, atendendo aos feridos e coidando das súas familias. O seu home chegou a ser presidente da Cuba independente en 1905 e a súa figura é lembrada con recoñecemento e afecto polo pobo cubano. De feito, América Arias se chama un dos mellores hospitais obstétricos de Cuba. Pouco antes de ela morrer, a fins da década dos 20, nace na Habana unha revista fundada e editada por mulleres, por iniciativa de Clara Moreda Luis, que se chamou América como homenaxe a América Arias que foi a súa directora de honra, anticipándose a eclosión de revistas femininas que foron aparecendo posteriormente.

Dirán vostedes que a que ven reparar nesta muller. Eu penso que ela representa moi ben a pegada que a ética do nacionalismo cubano deixou en min, e me serve como referencia inicial dunha serie de personaxes e feitos históricos cubanos que se replican, coma nun espello, con outros de Galicia. A vida de América Arias se nos contaba no colexio e se nos puña como exemplo ao alumnado. Así que foi unha muller a primeira referencia que teño de alguén que serviu á súa patria e ao seu pobo. Curiosamente, combatendo a miña patria e ao meu pobo, que na Historia de Cuba, estaban no bando contrario, no oprobioso, no que nutría as fileiras do exército, e que moito máis remotamente, tomou parte na conquista e colonización das terras do novo mundo, do que Cuba foi, durante catro séculos, a xoia da Coroa, e nunca mellor dito.

Ao mesmo tempo que medraba en min a admiración por unha capitana do exército mambí, medraba tamén o conflito por sentirme parte dos que queimaron nunha fogueira inquisitorial ao caudillo taíno, Hatuey, durante os primeiros anos da conquista. A imaxe dun home de pel escura e rostro de trazos finos, co cabelo atado no cumio da cabeza, deslizándose, liso, cara aos ombreiros, cravado nun esteo enriba dunha pira e rexeitando bicar o crucifixo que un frade lle ofrecía, quedou tamén gravada na miña memoria para sempre. Hatuey era un cacique que se resistiu a aceptar a conversión ao catolicismo que Frei Bartolomé de las Casas lle esixía como parte da aceptación do poder imperial. Igrexa e imperio ían da man e a escusa da evanxelización de pobos pagáns estivo vixente durante os primeiros tempos da conquista. A pequena que eu era vía como moitas compañeiras de clase se xiraban cara a min e me acenaban con burla facéndome partícipe das tropelías que contaba o libro de Historia. Ao fin e o cabo, eu, a galega, era un deles… Maxinen o que era chegar a casa, amarrarse as pernas da nai, e preguntarlle entre choros se verdadeiramente nós eramos unas asasinas coma os que o libro describía.774481_4333886673282_984573242_o.jpg

Supoño que este dilema non se me presentou soamente a min, se ben, a miña familia e máis eu fomos daquelas últimas vagas que chegaron a Cuba a mediados dos anos 50. Nós fixémolo en outubro de 1956, exactamente o día 17, pois partimos do peirao de Vigo un 3 de outubro nun transatlántico que pouco despois acadou unha grande sona, o Santa María, paquebote portugués xemelgo doutro chamado Veracruz. O Santa María foi secuestrado polo comandante Galvao en 1961, co galego Xosé Velo como autor intelectual dunha fazaña que acadou grande resonancia internacional e supuxo o comezo da loita contra o colonialismo portugués en Angola (tamén participou  Xosé Fernández Vázquez –alias Jorge de Soutomaior).

Santa María era o nome da nave capitana da expedición colombina e tocou terra cubana tamén un mes de outubro, coma min, pero dez días despois (non imos discutir por tan pequena diferencia…). O certo é que fixemos a viaxe de ida para Cuba nun barco co mesmo nome da carabela que dirixiu a expedición que dirixira Cristóbal Colón, a quen acompañaban, casualmente, dous capitán galegos, de Baiona, os irmáns Pinzón que ían a fronte das outras dúas carabelas: La Pinta e La Niña.

Canda o secuestro do transatlántico que antes comentei, é dicir, en xaneiro de 1961, en Cuba estaba comezando un dos sucesos máis transcendentais da historia da humanidade no século XX. O presidente norteamericano Eisenhower, case no remate do seu mandato, planeaba unha invasión a Cuba que quería concretar antes do  18 de xaneiro daquel ano, data na que tomaría posesión da presidencia o seu sucesor John f. Kennedy, a fin de que se tivese de afrontar a feitos consumados. Xa nese mes de xaneiro Cuba e EEUU romperon relación diplomáticas e en abril do mesmo ano, consumouse a invasión que no resto do mundo se coñeceu polo nome do lugar onde desembarcaron os atacantes, Bahía de Cochinos, ainda que en Cuba quedou fixada na memoria colectiva polo nome do lugar onde se produciu a vitoria das tropas cubanas: Playa Girón.

0.jpg

A coincidencia de sucesos históricos tan relevantes e case simultáneos en Cuba e Galicia, ten unha correspondencia na miña familia, como xa pasara no caso da nosa chegada a illa, e moi probablemente, na de moitas outras. Velaquí, pois, como tamén en 1961, un galego de Pol, Lugo, estaba participando na defensa da Revolución cubana como miliciano. Chamábase Xesús Porteiro e quen lles fala lembra a ausencia do pai da casa familiar sen motivos que puidese comprender, a desesperación do resto da familia que non sabía que se enrolara no exército, o pánico que levaba a miña nai e a un sobriño que quedou con nós para coidarnos pero que tiña tanto medo que pasou dous días agochado baixo dunha cama… e participando dun feito histórico que puido mudar a historia de Cuba e, daquela, da Guerra Fría que marcou a segunda metade do pasado século.

45884_4333871912913_923719222_n.jpg

Prometo que todo o que conto aconteceu como o digo. E son só algunhas referencias das moitas coincidencias que fun anotando de peripecias que unían as historias das miñas dúas patrias, vividas en primeira persoa, ou rescatadas da memoria familiar desde moito antes. Coa novela publicada e comentada por lectores e crítica, escoitei unha tarde algo que non lembraba e me puxo pel de pita. Alguén describía a estrutura de Sándalo como a propia dunha técnica que se chama de “caixas chinesas” que funciona a modo de Matrioshka. Unha historia-caixa na que cabe outra máis, e dentro desta outra, e así sucesivamente, até compoñer unha Historia de historias. Se temos en conta que a miña caixa de Sándalo me fora regalada por quen eu chamo os meus tíos chineses, tres tendeiros que vivían en fronte da miña casa da Habana, e que ma regalaron pouco antes do noso regreso a Galicia coa encomenda de que cando a vise e a ulise, me lembrase deles e da Habana, comprenderán que outra vez a casualidade se me puxo por diante e me sentín coma a casca dunha noz levada polo azar dun río caudaloso e caprichoso.

Para rematar, velaquí outra, a máis recente, e para min moi impactante, que aconteceu, precisamente o 17 de outubro pasado, cando acudía a universidade da Habana para participar nunha mesa redonda con ocasión das actividades que desenvolvíamos para conmemorar o V centenario da cidade. Cando me decatei da coincidencia entre a data actual e a da miña chegada por primeira vez a Cuba, moitas décadas antes, sentín un calofrío que aínda me dura e que me motivou a facer esta intervención abusando dunha historia persoal que se nutre do que Alejo Carpentier definiu como real marabilloso. Ou sexa, esa realidade que cando a intentas explicar ou comprender che ofrece fíos máis propios de imaxinacións quenturentas ou recursos literarios tendentes a fantasía.

Coindicencias?. Por suposto, pero cheas de encanto e sorpresas: Serendipias e chiripas no máis amplo sentido da palabra.

71964670_10215640197265908_1571455042420998144_n.jpg

Entrevista en Hoy por Hoy – Galicia (Cadena SER) como Valedora adxunta

"No es un reto, es una oportunidad maravillosa"

https://cadenaser.com/emisora/2019/08/25/radio_galicia/1566733747_627394.html 

Con el apoyo del Partido Popular y del PSdeG, la abstención del Grupo Mixto y el voto en contra de En Marea y BNG, la periodista y escritora María Xosé Porteiro era designada por el Parlamento de Galicia como adjunta al Valedor do Pobo.

Con la elección de la magistrada María Dolores Fernández Galiño, como Valedora, y de María Xosé Porteiro, vicevaledora, la institución abre una nueva etapa tras la crisis que llevó a Milagros Otero a renunciar al cargo tras la sentencia del Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que consideraba que había influido en un nombramiento arbitrario.

Fernández Galiño y María Xosé Porteiro lideran un renovado equipo en el que son mayoría las mujeres, ambas han expresado su feminismo militante así como la defensa del gallego y la defensa del medio ambientePorteiro defiende la validez y utilidad de la institución más allá de los errores del pasado, está convencida de que es necesaria y cumple eficazmente con los objetivos para los que se creó, la defensa de los derechos y libertades de los ciudadanos.

María Xosé Porteiro ha ejercido el periodismo en múltiples empresas de comunicación, autora de varias novelas y ensayos, miembro del Plenario do Consello da Cultura Galega. Ha ocupado diversas responsabilidades políticas: concejala en Vigo, diputada en los Parlamentos de Galicia y de España, Delegada de Galicia en el Exterior…

En “O MEU ANDEL”, blog literario de Manrique Fernández, crítica de «Sándalo»

https://manriquefdez.wordpress.com/2019/08/22/maria-xose-porteiro-sandalo/?fbclid=IwAR2iFltmNAjN6Yc5hUxwCojhHOfhEMqGCF-lc3VJ00EHblcggfzs43q759A

sandaloXornalista e política, María Xosé Porteiro volve e amosarnos a súa faceta máis literaria a través da súa segunda novela, «Sándalo», un traballo tremendamente ambicioso no que fai un percorrido pola emigración galega a Cuba ao longo dos dous últimos séculos e no que o lector será testemuña das revolucións da illa (a da independencia e a castrista), e das súas vinculacións con nós, pero tamén das pequenas historias dos seus habitantes que a autora, que pasou a súa nenez nesas terras, coñece en profundidade.

Sorprende a estrutura aparentemente anárquica, con constantes saltos no tempo e no espacio que, de primeiras, poden confundir ao lector, pero ao avanzar na lectura decatámonos de que o fío argumental non é o verdadeiramente importante neste relato, senón ese transfondo cáseque sociolóxico que enfía toda a narración e no que a emigración galega xoga un papel fundamental.

Botando man da súa faciana xornalística, a autora argalla o que poderiamos considerar unha novela de ficción histórica perfectamente documentada na que os personaxes reais mistúranse cos creados para a ocasión e na que uns e outros confúen en escenas da historia cubana ou da intrahistoria máis local a ambas beiras do Atlántico. Non podemos falar, xa que logo, da típica estrutura “prantexamento-nó-desenlace”, senón dunha especie de xogo, un crebacabezas de historias cruzadas, ás veces fragmentarias, no que as pezas non sempre encaixan entre si pero, en conxunto, amosan a relevancia da nosa diáspora nalgúns dos acontecementos que marcaron a creación dunha nova forma de entender a sociedade en Cuba.

Sorprente tamén (ou non tanto por vir de quen vén) a presenza da muller na novela asumindo un rol protagonista de principio a fin. Non falo dunha muller, loxicamente, senón dunha morea de mulleres que reivindican o seu papel na creación desa sociedade da que falabamos máis arriba, pero tamén nesa historia máis miúda que axudou a construíla. Mulleres fortes e de personalidades firmes, que levan a maior parte do peso da narración. Non creo que poidamos falar dunha novela claramente feminista ou reivindicativo pero, outravolta, ese transfondo está aí, empapando cada unha das páxinas do relato. Quina, Lumia, Nanaina ou Macorina, de seguro ficarán no noso sentir por moito tempo; pero tamén a descuberta de mulleres reais como Gertrudis Gómez de Avellaneda ou Andrea López Chao, por poñer só un par de exemplos de personaxes reais.

O resultado final é unha novela de lectura amena e capaz de arrastrar ao lector ao longo das súas páxinas. A flexibilidade da estrutura, mesmo da linguaxe empregada (ás veces literaria, ás veces xornalística) ou dos acontecementos relatados, son quen de facernos viaxar no tempo e no espazo sen movernos do noso sillón favorito. ¿Alguén dá máis?

María Xosé Porteiro

«Sándalo»

Galaxia

400 páxinas

En Nós TV, cambios na Valeduría do Pobo

69551040_10215391089318365_2044332728416993280_n.jpg

https://nostelevision.gal/maria-xose-porteiro-e-a-primeira-vez-que-hai-duas-mulleres-na-valedoria-do-pobo-e-e-unha-oportunidade-unica/

María Xosé Porteiro: “É a primeira vez que hai dúas mulleres na Valedoría do Pobo e é unha oportunidade única”

A nova adxunta á Valedora do Pobo destaca o patrimonio cultural e natural e os dereitos das persoas coma os puntos que máis lle interesan persoalmente

María Xosé Porteiro vén de ser nomeada coma a adxunta á Valedora do Pobo esta mesma semana e di que “o que máis me interesa a min persoalmente é a cultura, o patrimonio natural e os dereitos das persoas. Pero ao traballar en equipo non son os intereses propios os que prevalecen”. Porteiro acalara así que as liñas de traballo aínda non están marcadas para esta nova etapa que se abre que, por certo, califica de “oportunidade única” debido a que é a primeira vez na historia que ocupan estes postos dúas mulleres.
A nova adxunta ten unha longa traxectoria na política, no xornalismo e na literatura. Porteiro destaca que neste novo cargo que comeza “hai un equilibrio entre esas paixóns” e pode unir “a obxectividade do xornalismo” coa “paixón da política”.

Xosé María Eyré: Crítica de Sándalo

https://ferradura.blog/category/uncategorized/

67961259_10215278554185057_4052075848755314688_n.jpg

crítica de SÁNDALO (María Xosé Porteiro, Galaxia)

DOUS POBOS UNIDOS POLO ATLÁNTICO

Título: Sándalo

Autora: María Xosé Porteiro

Editorial: Galaxia

@s galeg@s sempre fomos un pobo de emigrantes. Está no noso ADN. E non foi porque quixeramos, nin debido a un suposto “espírito aventureiro” que os fascistas teñen empregado para explicalo. Non, sinxelamente se debe a que case sempre tivemos que procurar o pan lonxe da terra, dunha Terra colonizada á cal a metrópole demostrou decontino que non lle intersaba nada, que así estaba ben, que os galegos marcharan e mandaran divisas para a casa. E non é moito o que se ten escrito na nosa literatura sobre a emigración. En concreto, se falamos da emigración a Cuba, se falamos de Cuba, o último que lembramos é o Sol de inverno co que Rosa Aneiros gañou o Xerais alá polo 2009. Obviamente, sempre e cando deixemos de lado o nome de Neira Vilas, pois ninguén coma el coñeceu a emigración cubana.

Nestas, María Xosé Porteiro ofrécenos esta Sándalo. O título, o mesmo título é un símbolo, pois seica a madeira de sándalo garda o arume durante moito tempo. É dicir, o sándalo ten un arrecendo que permanece e é perceptíbel durante moito tempo. Non podía acaer mellor a unha novela que nos fala das relacións entre galegos e cubanos ao longo de case 200 anos. A mesma autora coñeceu a emigración cubana de primeira man, pois viviu na illa caribeña entre os catro e os catrorce anos. Iso nótase moito na novela. Porque se hai algo que salientar sobre calquera outra cousa é a riquísima ambientación das historias e dos tempos que narra. Sen dúbida, o labor de documentación foi extraordinario, así se explica o nivel de pormenores a que autora é quen de chegar, ofrecéndonos descricións (tanto ten que sexan do XIX como do XX) realmente logradas e moi pormenorizadas. Tanto ten que se trate de acontecementos históricos, e polo tanto verídicos, como das ficcións dramáticas das personaxes novelescas. Porque, en definitiva, a novela resulta da conxunción de feitos históricos con outros ficticios.

Os feitos históricos que aquí aparecen van desde a mesma Constitución de Cádiz (1912) á revolta independentista cubana (con Martí de cabezaleiro), a independencia e despois a caída nas mans dos  estadounidenses (que controlaban todo o seu comercio), a revolta castrista e instalación dun rexime comunista, sen esquecer o tempo da República en España, o alzamento fascista, a vida gris do franquismo ou mesmo pasaxes que chegan ao 2015. Todo isto posto en relación coa propia historia de Galiza, co papel da masonería nas tentivas liberais do XIX (igual que as tiveran todas as revolucións independentistas americanas), coa estrea do Himno Galego en Cuba, co nacemento da Real Academia Galega, a construción do Centro Galego (que chegou a ter máis orzamento que o propio estado cubano) ou tamén a construción doutro centro, Hijas de Galicia, que atendese ás mulleres, xa que o Centro Galego era exclusivamente masculino. Aquí, a autora realiza unha denuncia clara do tratamento que se lles daba ás mulleres ( moitas veces sen outra saída que a prostitución), unha denuncia moi oportuna e que non debemos pasar por alto porque non é que a teñamos lido moitas veces. Como tamén se ocupa do nacemento da ideoloxía feminista na illa caribeña e a contribución que as galegas tiveron niso, como iniciadoras, pois todo ten lugar unha vez que Hijas de Galicia convoca tres congresos onde se debate a situación da muller.

Tamén o racismo e o clasismo son denunciados, racismo e clasismo nunha sociedade na que, porén, conviven afroamericanos, chineses e galegos (e asturianos) sen meirandes problemas. Igual que as diferentes relixións. Porén non deixa de ser unha sociedade racista e clasista.

A novela, presentada editorialmente dividida en seis libros ( o sexto bastante máis breve que os outros cinco) é de longo alento e está contada sobre todo en terceira persoa, mais de vez en cando acódese á primeira, por exemplo no “Diario de Quina”, que tamén serve como exemplo dos diferentes materiais desde a que se conta a novela, pois tamén hai cartas ou informes, por exemplo. Porén, o que máis caracteriza a novela, son os contínuos saltos temporais, e a continua alternancia de personaxes, a diferentes alturas da súa vida, o que fai que non sexa nada doado para o lector ou lectora armar un fío condutor da historia, máis ben, o lector ou lectora debe estar preparad@ para atopar calquera personaxe en calquera época. Si hai unha serie de personaxes centrais, Lumia, Leonarda, Xermán, Macorina, Shana, Quina…, unha serie de personaxes cun fondo dramático innegábel, mais limitado polo que vimos de dicir antes.

En defintiva, Sándalo é unha decidida aposta, unha arriscada aposta, por contar unha historia de emigarción que pon en contacto Cuba con Galiza (e Asturias, tamén hai personaxes de aí), unha historia dramática, que a emigración é un drama sempre, mais que ten o seu aquel de epopea. Velaí temos a Martí loitando pola independencia, velaí temos a Castro e ao Che loitando por unha revolución comunista, velaí temos o pobo galego emigrante ( que se fixo cargo dos traballos máis duros e pesados, aqueles que realizaban os escravos) capaz de erguer o impoñente Centro Galego. Son exemplos. E non cómpre esquecer o ilustradoras que poden ser estas páxinas cando nos falan de Curros Enríquez, de Rosalía de Castro, Concepción Arenal, Pardo Bazán, Martí ou a mesma Gertrudis Gómez de Avellaneda.

Velaquí a tentativa máis seria e convencida de escribir unha novela sobre a emigración a Cuba.

ASDO.: Xosé M. Eyré

Aurelia quere ouvir

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2019/08/01/aurelia-quere-ouvir/0003_201908G1P14993.htm

download-2.jpg
La Voz de Galicia. Opinión. Habitación propia.
MARÍA XOSÉ PORTEIRO 

En Arxentina temos a nosa casa familiar tantos de nós… Tocamos a gaita e falamos galego con acento porteño. Fixemos cambiar o patronímico identificador dos españois polo de galegos, moito máis numerosos e con personalidade de seu como para representar o todo pola parte. E de alí nos veñen visitar, ao cabo de ducias de anos, algúns que marcharon sendo ben cativos e queren revisar a súa memoria, comprobar que aqueles eidos existiron algo máis ca nos seus recordos, para sentiren que perderon dúas veces. As mulleres volven hoxe cargadas de literatura, como María Rosa Iglesias López, unha activa militante da diáspora en Arxentina, que na súa novela Aurelia quiere oíraborda a emigración, a integración nunha nova sociedade, co agravante dunha hipoacusia. É a vida vivida coma se corre unha maratón, sorteando duras probas de supervivencia, narrada coa voz desta muller que se expón ante nós con sinceridade e sen edulcorante, para que non esquezamos que as nosas nais, as nosas avoas -as nosas fillas, agora tamén- viviron, ou están a vivir, experiencias como a súa que son, daquela, tan nosas.

Como entender a Historia dun pobo sen fixar a ollada e a atención no papel xogado polas súas mulleres? En calquera recuncho do mundo son o alicerce sobre o que se constrúe a vida, gardan e comparten os coidados, sementan os afectos, son o primeiro libro no que nos aprenden a vida. Desde Galicia emigraron menos mulleres ca homes, mais padeceron igualmente os efectos das ausencias, as viuvas de vivos e mortos que chamou Rosalía. A experiencia migratoria leva con seu o desgarro vital e un trauma inevitable para quen parten e para quen quedan. É unha das que máis nos identifican con outros pobos emigrantes nos séculos XIX e XX: irlandés, xudeu, portugués, italiano. E nos tempos actuais, cos subsaharianos ou os sirios.

En breve -xa falla menos- viviremos un novo episodio electoral coas autonómicas que, de non adiantarse polo contexto hiperactivo da política estatal, serán no outono de 2020. Non podemos esquecer que fóra da Galicia territorial están residindo, con pasaporte español e dereito a voto, máis de catrocentas mil persoas que constitúen unha auténtica quinta provincia. Segue aberto o dilema da derrogación do voto rogado que fai desistir do seu dereito básico de cidadanía a moitos mulleres e homes que seguen sendo dos nosos. Os erros en política poden ter difícil solución, pero, neste caso, só se precisa de vontade política e de facer un balanzo correcto do fracaso recollido. A novela de María Rosa Iglesias vénnos recordar que están fisicamente fóra do noso país, pero chantados con vontade e amor, no territorio simbólico da matria pola que traballamos todos, cada quen desde o seu lugar. Sorte María Rosa, e grazas por acender a nosa memoria, tantas veces durmida.

Sigue leyendo “Aurelia quere ouvir”