O sorriso de Manuel (En memoria de Manuel Cordeiro Monteagudo)

http://www.galiciaconfidencial.com/seccion/opinion/autor/562.html

Galicia Confidencial

Por María Xosé Porteiro | Vigo | 12/05/2012

Sabíase que estaba moi enfermo desde había uns meses e que a situación non tiña volta atrás, que se iría máis cedo que tarde porque o seu ciclo vital estaba cumprido.

Quedou tan marcado por aquela vida pacífica e pola paisaxe harmoniosa que degoiraba nas súas carreiras e camiñadas de entreno, que xamais o puido esquecer. E se cadra foi por iso que se fixo pintor aprendendo da man de Francisco Vales Villamarín. Para recrear un mundo que deixara a máis de dez mil quilómetros, cun océano por medio e sen máis nexos de comunicación que o lento correo postal ou a recreación colectiva e compartida coa comunidade inmigrante naquela Buenos Aires cosmopolita á que chegou en 1952. Esa pintura emotiva de Cordeiro, costumista se cadra, caracterizouse pola  temática enxebre, de contextos máis ca de persoas, onde os  cruceiros, as arcadas, a pedra, os verdes eidos, os labradíos, as vestimentas tradicionais, as gaitas, os puchos e as zocas, ocupan todo o espazo do lenzo. Pero hai tamén outro Cordeiro simbolista, intelectualizado, que reproduce ou recrea a iconografía da cultura castrexa que para él seguía a ser a dos celtas que poboaran o fogar de Breogán, como interpretaron a Historia de Galicia os devanceiros do XIX.

Esa vinculación con trazos grosos da referencia identitaria, reforzados pola evidencia dunha lingua e uns costumes e tradicións arraizados entre quen naceran e viviran en Galicia, ou nas familias radicadas ou fundadas no exterior, fíxose moito máis forte na distacia. Eis o caso notable de sociedades multiculturais como a Arxentina onde tiveron que aprender a convivir e sentir a cidadanía do país de acollida, xunto coa descendencia de outras colectividades  procedentes dalgún outro sitio da remota Europa, ou do Oriente próximo. Xentes chegadas de Rusia, Centro Europa, Oriente Próximo, Asia ou o Mediterráneo… de ascendencia xudea, libanesa, itliana e galega, entre outras, que precisaron reforzar os rasgos máis de seu na medida en que se tiñan que identificar fronte “aos outros”.
Que frecuente é escoitar as galegas e galegos de maior idade, xa non digamos se foran nados en Galicia, que teñen o corazón partido porque unha mitade lles quedou na terra da que partiron e outra xa é da terra que os acolleu. Persoalmente teño a convicción de que esa non é unha boa herdanza para as seguintes xeracións porque conleva unha dor nunca superada que se transmite nos mesmos termos traumáticos e que dificulta o crecemento dunha nova cidadanía que procura a súa propia idiosincrasia sen ter que renegar, nin sofrir, polo desarraigo dos seus ancestros. Por iso gustábame de Cordeiro que vivía a súa arxentinidade con naturalidade e con satisfacción. Porque ao propio tempo era galego desde o cerne e todo o tempo. Non foi  o único, por suposto. Pero é un bó exemplo de quen quixo -e soubo- educar as novas xeracións en galego, transmitindo unha bagaxe única da que se sentíron –con pleno dereito- propietarios lexítimos.
A parábola dos talentos ten unha fermosa lectura nas familias da emigración galega, que souberon multiplicar a herdanza recibida aproveitando o mellor da nova terra, da nova sociedade, do novo mundo que contribuiron a construir coas ferramentas que trouxeran da casa. Nun sentido profundo, podemos asegurar que trunfaron. Polo camiño, uns gañaron cartos, outros conseguiron vivir mellor e acceder a estudos superiores e a outras oportunidades das que carecíamos aquí, algúns non soportaron a ruptura ou viron como a sorte non os acompañou, pero no seu conxunto deron á luz unha nova Galicia: renovada, mestiza, e, sobre todo, consciente. Son, voluntariamente, galegas e galegos. Son, conscientemente, cidadáns de aquí e de acolá. Decidiron que querían ser galegofalantes por libre elección e inventan cada día un portuñol que nos achega a Brasil sen nos desprender de Galicia. Saben ser intérpretes e creadores excelentes e anovadores que investigan nas raíces dunha música de orixe medieval –ou mesmo celta, como gustan denominar alá- para incorporarlle aires novos sen perder a esencia. Que son americanos en Galicia e galegos en América. Que  conseguiron construir un país sen fronteiras físicas porque vive nas súas almas, nas súas casas, nos seus pensamentos, nos seus comportamentos. Que fixeron tan grande a un territorio tan pequeno coma o noso.
Pero  para que todo iso acontecese, co que ten de máxico, de milagroso, de épico, tiveron que ser máis galegos ca nós mesmos. Tiveron que facer un exercicio de consciencia e de albedrío que lle da un valor ainda maior á defensa do noso. Mália a distancia. Mália a incomunicación. Mália aos atrancos e a persecución da dictadura –das dictaduras-. Pero elas e eles foron quen de facelo. Crearon un espazo onde a creatividade, a mensaxe, a obra, de Castelao,  Dieste,  Manuel Cao,  Puente, Blanco Amor, Neira Vilas, Maruxa Villanueva, Lamas Carvajal, Lorenzo Varela, Seoane, Anisia Miranda, Díaz Pardo, Mercedes Ruibal, Carlos Abraira, Laxeiro, Maruxa Boga, Manuel Cordeiro, Tacholas, Antonio Pérez Prado, Arturo Cuadrado, Graciela Pereira, as pandereteiras da Costa da Morte, e tantas mulleres e homes anónimos, trascendeu e resoou en liberdade, misturándose coas de Borges, Cortázar, Sábato, ou antes con Alfonsina Storni, Piazzola ou Gardel… Convivindo coa música de orixe irlandesa ou escocesa, ocupando e pechando as rúas da grande cidade para que as nosas bandas de gaitas as recorran; facendo congresos sobre linguas minorizadas; creando o marabilloso colexio Santiago Apóstolo, onde nenas e nenos arxentinos, coreanos, galegos, italianos, estudan galego, español e inglés ao tempo que a  historia, xeografía e cultura de Galicia; facendo intercambios entre as Universidades galegas e arxentinas; ou traballando –nada menos- a prol das linguas dos pobos orixinarios desde a complicidade da empatía, da solidariedade e do coñecemento.
Cordeiro foi, e será, exemplo e expoñente de quen fixeron política para Galicia na lonxanía e se decataron do valor e do potencial que tiñan quen coma él vivían no exterior cando aquí aínda era noite pétrea. Manuel Cordeiro Monteagudo foi infatigable na súa carreira de fondo por Galicia. Militou activamente nas Mocedades galeguistas, foi fundador do coro Brétemas e Raiolas e do Conxunto Artístico Breogán. No ano 1956, representou ao Centro Coruñés na Intersectorial Galega e no Congreso da Emigración de América. A súa obra foi exposta en Galicia e en numerosos Centros da colectividade en Arxentina e Uruguai coma o Centro Coruñés de Montevideo, ou os Centros Lucense, Coruñés, Ourensán e Pontevedrés de Bos Aires, Fogar Galego para Anciáns, e nos Centro Galicia e Galego porteños. Creou a Editorial Lume Novoa e impulsou a creación da Fundación Xeito Novo de Cultura Galega en 1983. Cordeiro falou, pintou, colaborou xenerosamente con quen llo pediu, reivindicou ás e ós seus compañeiros de viaxe, e nunca faltou as convocatorias de irmandade nas que a súa figura foi adquirindo co paso dos anos, un aire petrucial, co seu pelo branco, fraco, áxil, tímido e comunicativo a un tempo.
Él foi un galego total. O que debería entenderse por patriota, sen andazos novecentistas, con visión de avangarda e como  posición natural desde calquera lugar en que nos toque estar no mundo, porque a alma está onde nós queiramos tela. Esa é, para min, a súa mellor lección. O que aquí tal vez deberíamos tentar entender, respetuosa, afectivamente, con admiración e con vontade de recoñecer e aprender: que hai unha cidadanía galega de ida e volta, que nunca se foi de aquí por máis que vivira moi lonxe, e que sempre nos retribuíu cento por dez. Tamén sabendo que a colectividade galega do exterior non é un mundo idílico porque son igualiños a nós. Teñen os mesmos defectos e as mesmas virtudes que quen residimos aquí. Son tan excelentes ou tan ruíns coma nós, pero lles temos que recoñecer o valor da reafirmación, da custodia e do medre dun legado: multiplicaron os talentos. Sermos galegos, galegas, do xeito en que o foi Manuel Cordeiro é sermos do graníto e do oceáno, das arbóres e dos ríos, coa potencia e a lixeireza do vento, panteístas da física do territorio e animistas da mística antropolóxica. Universalistas coma o Camiño de Santiago. É sermos patriotas -moi patriotas-, por sabermos que se pode ter máis dunha patria, e amalas a ambas sen traicionar a ningunha.
Porén, a comunicación entre a Galicia de aquí e a de alá é moi deficiente. Se eu fose máis valente, diría que está rota. A Galicia da fisterra europea estivo demasiado tempo ausente e despreocupada por saber e por entender o que estaba a acontecer ao outro lado do océano, ocupada en curar a ferida da emigración polo vello e ineficaz método de meter os recordos na caixa das fotos vellas, sen sabermos que os nosos que están alá estiveron sempre mirando cara a nós, tendendo pontes, facendo sinais de algo moito máis duradeiro ca o fume.
Manuel Cordeiro pintouno  e expresouno sen descanso. Deixouno dito nos deseños dos estandartes e das enseñas de cada Centro Galego ou Casas de tódalas localidades posibles da Galicia natal. Fíxoo coa reivindicación do autogoberno e da república. Desde a aceptación das leis e das institucións que os que estamos aquí nos demos cando tivemos a oportunidade democrática de facelo. E alí fixeron resoar as gaitas, os tambores, os pandeiros, as pandeiretas, os acordeóns e o charrasco, con moito xeito. Cun xeito novo. E co mesmo amor con que o viron facer aos seus devanceiros.
Fagamos algo para restituir as pontes, para renovar os afectos, para procurar o diálogo, o entendemento e a sinerxia que só se poden poducir con vontade e con intelixencia. Que hoxe falemos de Cordeiro e que a súa morte sexa noticia aquí é ben importante. Se o vise,  sorriría pícaro, de volta de todo, pero sempre ilusionado. Debería  saber, o noso querido Manuel, que  nos inspira e nos anima a traballar para que esto teña amaño. Témolo que facer por  él e por tantos e tantas que así nolo ensinaron. Pero tamén por nós, para a nosa propia dignidade e autoestima, e para lle deixar talentos medrados a quen veñen detrás.