Tabiba en O meu andel, de Manríque Fernández

María Xosé Porteiro, na súa teima por non deixar indiferente ao lector con cada novo traballo que saca do prelo, vén de publicar unha sorprendente novela, «Tabiba», coa que nos empurra fóra da nosa zona de confort para confrontarnos con situacións e personaxes moi pouco transitadas na nosa literatura. Partindo, como é habitual nela, da realidade máis contemporánea, non tarda en perfilar un relato que xoga coa crónica social e política, ferramentas das que se vale para xestionar unha ficción que ben podería non ser tal.

Expliquemos isto: o relato comeza co achádego do cadáver dunha rapaza, Einés, e o posterior asasinato do seu executor, Serge Airat, a mans da propia irmá do homicida, Dihya. Mais para comprender esta situación teremos que viaxar no tempo e no espazo e coñecer as peculiaridades dos protagonistas. Os Airat pertencen a un clan histórico da Cabilia alxeriana, que reivindica as súas tradicións, costumes e a súa propia lingua, fronte á imposición estranxeira, principalmente árabe e francesa. Pero o devir dos acontecementos fai que Serge se vaia afastando de todo iso para abrazar o fundamentalismo relixioso máis radical, mesmo integrándose nun grupo terrorista como é o ISIS e colaborando no terrible atentado de Barcelona, o que é considerado como unha traizón por parte dos seus. Iso ten unha compoñente moi particular no caso de Dihya, verdadeira protagonista da historia, que asume un papel de liderado do grupo que, en principio, non lle correspondía.

No fondo, non deixa de ser unha historia de amor e vinganza, só que aderezada cunha morea de elementos que a fan direfente a outras narracións do mesmo calibre. Así, e a pesar de non estar perfectamente detallado todo o proceso, a evolución de Serge cara ao radicalismo é un dos alicerces da trama: que leva a unha persoa a tomar un camiño así? Desta maneira, onde os medios de comunicación presentan realidades planas e sen arestas, María Xosé Porteiro afonda nas inquedanzas persoais e nos elementos externos que empurran a Serge a tomar as súas decisións. Non, non debemos confundir isto coa defensa dun ideario terrorista, obviamente; trátase, simplemente dunha pescuda das razóns que levan a unha persoa, en principio, allea a ese entorno dogmático e radical, a moverse en tal dirección.

O outro alicerce é, sen dúbida, as consecuencias dese proceso, que arrastran a Dihya a tomar determinadas decisións que afectan á defensa do seu pobo. A súa metamorfose é unha parte central da trama, que adquire por momentos proporcións mítolóxicas derivadas da historia e tradicións do propio clan e da súa xente. Muller forte e baril, comprende que o seu papel muda coas novas circunstancias e non dubida en afrontar, pese a quen pese, un rol para o que non estaba preparada. Por fortuna, mulleres tan aguerridas coma Dihya son algo moi habitual na narrativa de Porteiro, que acostuma a reflectir nos seus escritos personaxes femininas tan alonxadas da nosa tradición literaria como necesarias para a evolución das nosas letras.

Deja un comentario

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close