Unha anecdota con Fraga

Coincidín con él no Parlamento Galego. Tomamos posesión na mesma lexislatura, él liderando a coalición PP-CG (Coalición Galega, de Vitorino Núñez), eu nas filas do PSdeG. Era o mes de decembro de 1989 e durante varios meses sentía unha rara sensación por compartir espazo institucional cun home tan de outra época, ou así mo parecía daquela. É certo que era moi autoritario, tamén o é que tiña visión estratéxica e iso serviulle para se adaptar aos cambios inevitables que España tiña que vivir tras da morte de Franco.

Nunha ocasión, sendo eu voceira en materia de Turismo polo meu grupo Parlamentario, estaba intervindo na tribuna de oradores. Fraga adoitaba estar sempre na súa silla no hemiciclo, revisando xornais dos que recortaba permanentemente noticias que logo enviaba aos conselleiros a traveso dos conserxes, ou lendo informes. Cando eu falaba, atendía,  e a min poñíame algo tensa, porque criticarlle a política turística ao inventor do turismo en España precisaba certa ousadía, e eu tiña que facer o meu papel de oposición. Aquel día estaba a lembrar o modelo turístico que se implantara na súa etapa de Ministro de Información e Turismo, baseado sobre de todo, no modelo de praia e apto para as zonas máis cálidas de España, reclamando que para Galicia se seguisen as pautas do Libro Blanco do Turismo da Unión Europea que apostaba polo turismo ecolóxico e «verde» non tan condicionado á estacionalidade vranceira. De feito, a potenciación do camiño de Santiago e do Xacobeo, foron na dirección de diversificar e desestacionalizar a oferta turística que aquel estudo propuña.

A anecdota está en que eu, citando a expertos na materia, califiquei aquel modelo turístico mediterráneo como o das «tres eses»: sun (sol) sand (area) and  sea (mar). Fraga sorriu ao escoitarme e vin que collía un papeliño no que escribía algo. Cando voltei ao meu escano, un uxier trouxome algo de parte do Presidente. Era a nota manuscrita na que me dicía: Sra. Porteiro, esquecéuselle unha «s», porque son catro: sand, sun, sea and sex.  Solprendida,  dirixín a miña ollada cara él que estaba a observarme sorrindo. Devolvinlle o sorriso, e seguimos cada un co noso quefacer.

Cousas da vida, que diría Castelao.

 

 

 

 

Deja un comentario

search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close