A versión máis latina de Trump

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2018/10/31/version-mais-latina-trump/0003_201810G31P24992.htm

La Voz de Galicia. Opinión. Habitación propia.
MARÍA XOSÉ PORTEIRO 

Os partidos tradicionais que responden á confrontación e alternancia entre opcións de esquerda-dereita semellan quedar ancorados no século pasado. O actual está a contextualizar a crise dos históricos sistemas democráticos con representación de partidos convencionais. Os avances de opcións políticas de extrema dereita, ou mesmo neofascistas, en Europa, xa deron un sinal de alarma que confirmaba que a era Trump viñera para crear tendencia. Bolsonaro está chamado a ser un dos seus referentes nos países de economías emerxentes con grandes expectativas de crecemento económico -o que non sempre vai ligado ás melloras sociais-. Ese crecemento nun país con bolsas inesgotables de petróleo, autosuficiencia enerxética e unha das maiores reservas de madeira e auga do mundo, podería facerse con criterios medioambientais ou con maior explotación dos recursos e lucro inmediato para os capitais que apoiaron a súa campaña electoral.

O que aconteza no Brasil en materia de medio ambiente terá unha inmediata repercusión no resto do mundo, e esa será unha das claves a contemplar da nova etapa que ameaza, sen ambaxes, a un maior crecemento das clases medias polo modelo de sociedade que proclama. Un modelo que responde, sen dúbida, a unha maioría de votantes que en sucesivas enquisas viñan demostrando que a confianza na fórmula democrática caera até os niveis máis baixos, con máis dun 40 % afirmando nas enquisas que estarían dispostos a asumir un golpe militar «para combater o crime e a corrupción».

O tempo que abre a vitoria de Bolsonaro, a versión máis latina de Trump, aféctanos en termos de esixencia de calidade democrática, de acción exterior e de impacto sobre a nosa economía, nomeadamente a vinculada á cultura e aos intereses dos galegos residentes alí. Nos tres institutos Cervantes radicados naquel país, a área de lingua galega e as relacións económicas derivadas da cultura estaban chamadas a ser unha parte cada vez máis importante, logo do achegamento de Galicia cara á comunidade dos países de lingua portuguesa e a aposta decidida do novo director da institución, Luis García Montero, por abrir maiores espazos á nosa lingua. Galicia, un país pequeno, ten alí unha importante representación de 48.000 residentes con relevancia indiscutible en Baía, onde crearon importantes institucións sanitarias e asistenciais, e con presenza importante en Río de Janeiro ou Santos, como colectividade de doada integración por compartirmos o tronco común da nosa fala, e con embaixadoras do talle internacional da escritora Nélida Piñon.

O que aconteza no Brasil é de suma importancia para a axenda política galega e para a nosa propia axenda emocional e persoal.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s